PÁXINAS

mércores, 3 de decembro de 2014

MODELO DO 2º PARCIAL DE 3º DA ESO

Ola rapaces e rapazas de 3º da ESO, de Lingua e Literatura Galegas. Imos co modelo de exame do 2º parcial.

O exame terá 4 apartados:
 1- As cantigas medievais: completar unha cantiga cos recursos repetitivos; dicir se é de amor ou amigo e por que; traballar algo a rima e indicar o tema da mesma. (3 puntos)

 2- O traballo de investigación sobre os pazos: apréndeo todo do teu traballo dos pazos: como buscar información, que fontes de información usaches, como se busca nunha biblioteca (tamén nos catálogos virtuais), até todo o que entregaches sobre o teu pazo. (3 puntos)

 3- O cómic: páxinas 214 á 217 do libro de texto + as prácticas que fixemos na aula. E a historia e elementos do voso traballo en grupo. (2 puntos)

 4- Redacción: terás que facer un borrador sinalando o narrador, tempo, espazo, personaxes, accións, parágrafos e despois escribila. O tema xa volo digo eu.

 E a conseguirdes un resultado positivo!!!


martes, 2 de decembro de 2014

ESCRIBIMOS CON CORRECCIÓN

Temos que ir mellorando a nosa lingua escrita e falada. Xa estamos nun nivel no que hai erros que non se deben repetir. Imos comezar poñendo os máis relevantes a eliminar. Podedes consultalos premendo no seguinte documento

mércores, 19 de novembro de 2014

A VIOLENCIA DE XÉNERO EN TITULARES

O día 25 de novembro é o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero. Tedes que recoller algún titular de prensa que saíse ao longo deste ano 2014 en relación con este tema: anotades o titular, o xornal, o día e traducídelo ao galego se non está na nosa lingua.Nun folio de cor laranxa seguindo as indicacións da ONU a poder ser. Podedes facelo con rotuladores, pinturas, a ordenador...

sábado, 1 de novembro de 2014

DÍAS PARA SAÍR A INVESTIGAR

Estes días de lecer son bos para que completedes a vosa información sobre os pazos. Eu proporciónovos outra guía que se suma á que xa tedes para buscar en internet. Lembrade que estamos no final da conta atrás para entregardes o voso traballo. Boa ponte!!!

venres, 24 de outubro de 2014

Esquema: Galicia na Idade Media. A cantiga de amor.

Tedes que realizar un esquema do inicio do tema 2, apartado "Galicia na Idade Media. A cantiga de amor" (pp.30-33). Podedes utilizar a aplicación que queirades, mesmo facelo a man. Eu suxírovos dúas aplicacións: http://drive.diagram.ly/ (É de Google, xa non teriades que rexistrarvos e sería fácil compartila comigo). Spider Scribe Para saberdes como utilizalas tedes titoriais en rede. Para o martes da próxima semana.

martes, 7 de outubro de 2014

VOTA POLO MONUMENTO QUE CHE GUSTARÍA INVESTIGAR CO TEU GRUPO

No seguinte enlace podes votar polo monumento que che gustaría investigar cos teus compañeiros. Tedes que dar 3 puntos, 2 puntos e 1 punto (tan só podedes votar por 3 monumentos). Non é necesario que vos poñades de acordo. Cadaquén pode votar polo que prefira. Se hai monumentos que teñen o mesmo número de votos, adxudicaráselle ao grupo ou compoñentes do grupo que poñan unha ou máis razóns nos comentarios desta publicación. Para accederes ao formulario de votación fai clic AQUÍ

xoves, 2 de outubro de 2014

Exercicios do dicionario

Esta semana estivemos vendo cuestións relacionadas co dicionario e o alfabeto. Practica seguindo as actividades que poderás atopar deseñadas por Aprofa no seu blog.

sábado, 13 de setembro de 2014

Presentámonos

Este vai ser o blog de aula que utilicemos para as clases de Lingua Galega de 3º da ESO e tamén para o Ámbito Lingüístico de Diversificación de 4º da ESO. Agardemos que nos axude a todos a mellorar, a compartir e a aprendermos xuntos. BENVIDOS AO CURSO 2014-15!!!